O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que amosou no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) o pulo deste sector e a súa interrelación con outras disciplinas como a gastronomía, a música e a moda. Na […]
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que amosou no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) o pulo deste sector e a súa interrelación con outras disciplinas como a gastronomía, a música e a moda.
Na súa intervención, Conde sinalou que a través desta cita referente anual a Xunta busca ofrecer un concepto moi amplo do sector, achegándoo a toda a sociedade a través de demostracións e obradoiros para todo tipo de públicos. Tal e como apuntou na súa intervención, nesta edición pode verse o traballo de 66 artesáns e visitar 47 postos de produtos alimentarios de calidade. A isto súmanse os showcookings e degustacións de Artesanía no Prato, as actuacións musicais e os cursos de especialización, nun programa co que se busca “promocionar o sector artesán e contribuír ao seu posicionamento no mercado”, ao tempo que se fomentan sinerxías con outras disciplinas.
Artesanía no Prato, con produtos e establecementos Galicia Calidade
A iniciativa Artesanía no Prato incluiu un showcooking o venres da chef Lucía Freitas (1 Estrella Michelín) do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), que elaborou un menú con produtos certificados por Galicia Calidade. Xa pola tarde, tivo lugar unha cata de viños certificados pola marca de garantía galega da man da enóloga Cristina Murga.
A iniciativa continuou o sábado a través dos showcookings do cociñeiro galego do Grupo Nove Héctor López (dous Soles Repsol), do Restaurante España (Lugo), que tivo lugar en dúas sesións ás 13:30 e ás 15:00 horas e que empregou produtos Galicia Calidade para as súas propostas gastronómicas.