Alfonso Cabaleiro protagonista nas “Conversas no Parador” do Club de Prensa de Ferrol
O director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro anunciou a elaboración dun Libro Branco no que entre outros temas, recollerase a achega ao PIB galego dos produtos e servizos amparados por Galicia Calidade.
No transcurso das “Conversas no Parador” celebradas no Parador de Turismo de Ferrol, o director de Galicia Calidade informou ao numeroso público asistente, da filosofía que impulsa o desenvolvemento da marca “Galicia Calidade”, que ao longo de dúas décadas veu certificando a excelencia daqueles produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia , pola súa materia prima ou deseño galegos e pola súa calidade contrastada mediante unha serie de controis establecidos garanten procedencia e calidade.
Destacou Cabaleiro, que Galicia Calidade” é un selo que ao longo dos anos se convertiu nun emblema de prestixio e orgullo que identifica a un número crecente de empresas galegas”. Indicou tamén, que na actualidade Galicia Calidade certifica máis de 300 produtos pertencentes a 85 empresas galegas de diferentes sectores, como o do viño, o da alimentación, o téxtil, o avícola, as bebidas, os lácteos e a xoiaría.
Internacionalización da marca Galicia Calidade
Tras a exposición da metodoloxía a seguir para que un produto ou unha empresa obteña o selo de “Galicia Calidade”, Alfonso Cabaleiro respondeu a unha serie de preguntas sobre diversas cuestións relacionadas coa marca , efectuadas polo xornalistas e parte do público asistente, dando lugar a un animado coloquio. O Director xerente foi desvelando algúns retos expostos para levar adiante nesta lexislatura, entre os que destacou o da internacionalización da marca, para lograr unha maior penetración nos mercados internacionais dos produtos distinguidos coa mesma ou dalgúns que están en fase de certificación e que poderían supor un gran avance, como o desenvolvemento do sector da floricultura.
Incorporación de novas empresas
Anticipou tamén unha serie de acordos co sector do turismo e o do granito que facilitará que as empresas galegas poidan introducirse en mercados internacionais moi competitivos, colaborando desta forma ao seu desenvolvemento e crecemento , o que ten unha gran influencia na creación de postos de traballo.
“Conversas non Parador” é unha das actividades que vén desenvolvendo mensualmente o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Parador de Turismo da localidade ferrolá, á que son convidadas relevantes personalidades procedentes de sectores de interese socio-económico, cultural ou calquera outro de interese mediático, que comparecen ante os diversos medios invitados e sectores de opinión interesados.