A xornada gastronómica “Bosques e fogóns”, na que participan un total de 14 establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, contará cun concurso fotográfico nas redes sociais entre os clientes dos mesmos, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría. Para participar no concurso, que hoxe bota […]
A xornada gastronómica “Bosques e fogóns”, na que participan un total de 14 establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, contará cun concurso fotográfico nas redes sociais entre os clientes dos mesmos, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría.
Para participar no concurso, que hoxe bota a andar ata o 10 de decembro (ata as 23:00 h), os usuarios deben subir unha foto realizada en calquera dos establecementos Galicia Calidade ‘Lecer’ participantes en “Bosques e fogóns” (indicando de que establecemento se trata) e compartila cos seus amigos para conseguir o maior número de votos posible.
Gañarán o concurso as catro persoas que obteñan máis votos nas súas fotografías e, ademais, os 50 primeiros participantes en subir a súa foto recibirán como premio unha camiseta de Galicia Calidade. O resultado final e a entrega de premios serán comunicados publicamente o 14 de decembro a través da devandita rede social e persoalmente aos gañadores.
Os premios serán os seguintes:
- 1º premio. Unha noite para dúas persoas nun establecemento Galicia Calidade Lecer elixido polo gañador/-ora.
- 2º premio. Un menú para dúas persoas no establecemento Galicia Calidade ‘Lecer’ que elixa o gañador/-ora.
- 3º premio. Un xamón coa certificación Galicia
- 4º premio. Un estoxo con viños coa certificación Galicia
Os establecementos participantes son: Bodeguilla de San Lázaro (Santiago de Compostela), Bodeguilla de Santa Marta (Santiago de Compostela), O Curro da Parra (Santiago de Compostela); O Rincón da Baiúca (Muxía), Restaurante Bido (A Coruña), Restaurante A Carballeira (Ourense), Restaurante A Taberna (Ourense), Casa Rural Abadía das Eiras (O Rosal), Eirado da Leña (Pontevedra), Restaurante Yayo Daporta (Cambados), Restaurante Mar Divino Asador (Sanxenxo), Talaso Hotel Louxo La Toja (O Grove) Restaurante España (Lugo), Restaurante O Grelo (Monforte de Lemos).
Os piares desta experiencia culinaria serán os produtos derivados da caza e os froitos da estación: cogomelos e castañas. Os restauradores participantes, que proveñen das catro provincias, poderán presentar distintas propostas, tapas, pratos ou menús completos.
Bases do concurso
Todas e todos os participantes deberán ser maiores de idade e seguidores da páxina de Facebook de Galicia Calidade.
Resultarán gañadoras as 4 fotos que consigan máis votos, que deberán estar tomadas en calquera dos establecementos Galicia Calidade ‘Lecer’ recollidos na páxina web http://www.galiciacalidadelecer.gal/ participantes en “Bosques e fogóns”. indicando de que establecemento se trata.
En caso de empate, realizarase un sorteo entre as fotografías máis votadas.
Á parte, as primeiras 50 fotos subidas á plataforma recibirán como agasallo unha camiseta de Galicia Calidade, que deberán recoller nas oficinas de Galicia Calidade SAU, situadas no Complexo Administrativo de San Lázaro s/n, Edificio IGAPE, 3º andar, Santiago de Compostela. A data límite de recollida das camisetas será o 30 de decembro de 2017.
En cumprimento co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, e demais normativa de desenvolvemento da mesma, informamos de que todos os datos persoais e información que faciliten os participantes será utilizada unicamente para o concurso obxecto das presentes bases.
A participación no concurso implica a aceptación destas bases.