Estrella Galicia celebra o 110 aniversario con 110 etiquetas creadas por 53 artistas

Estrella Galicia celebra o 110 aniversario con 110 etiquetas creadas por 53 artistas

17/06/2016 - 08:19

Estrella Galicia celebrará o seu 110 aniversario cunha edición de 110 etiquetas creadas por 53 artistas, que se impregnarán en 220 millóns de botellas

Estrella Galicia, empresa certificada por Galicia Calidade, decidiu celebrar o 110 aniversario brindando con moita arte. Para iso, lanzará unha edición especial de 110  millóns de botellas de 33 cl e outras tantas de 25 cl que portarán 110 etiquetas diferentes creadas por artistas nacionais e internacionais. 

Trátase dun proxecto no que participaron 53 deseñadores que plasmaron nas súas ilustracións temas relacionados coa cultura e a historia da compañía: cultura de cervexa, materias primas, historia, familia, futuro, etc. Ata o próximo mes de setembro, a cervexeira lanza ao mercado un total de 220 millóns de botellas que lucirán estas 110 ilustracións asinadas por artistas de renome tanto de España como de Cuba, Alemaña, Brasil e Xapón. 

Na lista de ilustradores hai nomes tan recoñecidos como Mariscal, Calpurnio, Rubén Pellejero, Marcello Quintanilha, Manel Fontedevila, Sonia Puído, Mamen Moreu, Paco Roca, Miguel Ángel Martín, Ken Niimura, Ajubel, Paco Alcázar ou Gallardo, que converteron cada botella nunha pequena obra de arte nas mans do consumidor.

Tamén se sumaron o proxecto ilustradores galegos moi recoñecidos como Manel Cranio, Héctor Francesch, Jano, David Rubín, Luís Dávila, Víctor Coyote, Santy Gutiérrez, Alberto Vázquez, Mariña Seoane, Óscar Villán ou Víctor Rivas, entre outros.

Para celebrar a chegada ao mercado desta edición, Estrela Galicia abrirá as portas dunha exposición aberta ao público na Fundación Luís Seoane da Coruña que acollerá ata o 30 de xuño a totalidade dos deseños.

Mónica Vizcaíno, directora de Márketing de Hijos de Rivera, manifestou que “foi unha experiencia moi enriquecedora para nós poñer a disposición destes grandes artistas un lenzo en branco en forma de etiqueta de cervexa para que desenvolvesen a súa creatividade ao redor do noso produto, o resultado non pode ser mellor”. 

110 aniversario

Vizcaíno explicou que esta iniciativa sitúase no marco celebracións do 110 aniversario da compañía, que tamén supuxo o lanzamento dunha cervexa que recupera a receita orixinal de Estrella Galicia e que a compañía planea abrir un museo da cervexa antes de final de ano nas instalacións da fábrica.

Pola súa banda, o ilustrador coruñés Manel Cráneo, que exerceu de comisario desta iniciativa, definiu o proxecto como “un exercicio de comunicación artística sen precedentes, unha especie de cómic contemporáneo no que grandes autores narran visualmente 110 anos de cultura cervexeira nunha obra de arte coral repartida en 110 etiquetas”.