O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou o pasado fin de semana, a través dunha videoconferencia na que participaron máis de 1.000 profesionais do sector, o Plan de reactivación do turismo centrado en facer da Comunidade un destino seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía. Co obxectivo […]
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou o pasado fin de semana, a través dunha videoconferencia na que participaron máis de 1.000 profesionais do sector, o Plan de reactivación do turismo centrado en facer da Comunidade un destino seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía.
Co obxectivo de converter Galicia nun destino seguro, Feijóo precisou que un dos piares deste plan é a posta en marcha dunha estratexia de seguridade sanitaria para o sector, que permita deseñar tanto medidas de seguridade e hixiene, coa vista posta na reactivación; así como certificacións que acrediten o cumprimento destas medidas por parte dos distintos establecementos para incrementar así a confianza na Comunidade.
Nesta liña, lembrou que o sector turístico galego conta unhas bases sólidas para afrontar esta nova situación. Non en van, Galicia conta con natureza, paisaxe e gastronomía, ademais da calidade das súas praias e establecementos e do feito diferencial como é o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que ten que seguir sendo unha chave para activar todo o sector.
Así, e dentro do ámbito de Galicia como destino seguro, o titular da Xunta destacou un investimento de 6 millóns de euros para reformular a estratexia de promoción de destino; xerar novos produtos turísticos adecuados ao novo contexto do mercado; e adaptar o sector ao novo paradigma, adaptando os establecementos aos requisitos esixidos polos protocolos e favorecendo a adquisición de equipamentos e a preparación de espazos.
Por outra banda, o titular da Xunta destacou a posta en marcha dun programa de consultoría online para asesorar e axudar a identificar medidas personalizadas para cada área de negocio. Ademais de apostar pola formación e a competitividade.
Turismo local e de proximidade e un Bono solidario
Durante o encontro, Feijóo incidiu tamén en que o turismo local e de proximidade será clave. Ao respecto, destacou a posta en marcha do programa Queda en Galicia, para desfrutar de todos os recunchos que ofrece a Comunidade.
Así mesmo, destacou a necesidade de potenciar o traballo con xeodestinos e entidades locais e a busca de acordos con entidades financeiras para que complementen esta aposta pola economía e polo sector turístico.
Logo de resaltar que as medidas, consensuadas co sector, poñeranse en marcha desde este mesmo mes de maio, Feijóo recordou que estas iniciativas inclúense dentro do plan aprobado polo Consello para a recuperación dos sectores cultural e turístico, dotado con 27 millóns de euros.