Galicia Calidade convida a participar na primeira edición do Atlantic Fest, na Illa

Galicia Calidade convida a participar na primeira edición do Atlantic Fest, na Illa

27/06/2016 - 17:00

Galicia Calidade colabora na organización do Atlántic Fest, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de xullo na Illa de Arousa e que contará con bandas como Temples ou Xoel López

Galicia Calidade colabora coa organización da primeira edición do Atlántic Fest, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de xullo en Illa de Arousa (Pontevedra),  un espazo idílico cunha praia bandeira azul xusto na entrada do recinto principal de concertos, que contará con bandas como Temples ou Xoel López.

Galicia Calidade, ademais de colaborar na organización do evento, sortea tres entradas entre as persoas que se apunten no Facebook e regalará packs promocionais de produtos certificados co selo de garantía entre os asistentes. 

O Atlantic Fest deseñou un menú sonoro, combinado cunha infinidade de plans alternativos, entre os que figuran un mercadillo discográfico, charlas, actividades para os máis pequenos, sempre coa música como vehículo condutor. Haberá 5 escenarios diferentes: Escenario Son Estrela Galicia (Praia do Bao), Escenario Turismo Rías Baixas (Auditorio), Praza de Abastos, D’ Tascas, Zona de acampada.

Ademais de Temples, unha das bandas do momento, no cartel tamén figura Tindersticks,  grupo de rock formado en Nottingham (Gran Bretaña); Nacho Vegas, quen tras formar parte de Manta Ray nos 90, comeza a partir de entón a súa carreira en solitario; ou Niño de Elche

Xoel López chegará cargado de enerxía tras o éxito indiscutible do seu disco Paramales con varios nomeamentos nos Premios MIN (Premios Música Independente).  Alex Cooper con máis de 30 anos de carreira musical subirá ao escenario Son Estrela Galicia para presentar o recompilatorio da súa dilatada traxectoria Popcorner: 30 Anos vivindo na Era Pop.  A banda italiana Be Forest presentará o seu segundo traballo Earthbeat. O músico José González e as bandas galegas Malandrómeda e Bala tamén estarán nun dos mellores festivais de música que se celebrarán este verán en España.