Filloas salgadas con bechamel de ventrecha de atún, queixo tetiña e cebola acaramelada

Ingredientes para a masa das filloas:

  • 75 gr de fariña
  • 125 ml de leite
  • 1 ovo
  • Sal

Ingredientes para o recheo:

  • 2 vasos de leite
  • 2 culleradas de fariña
  • Aceite de oliva
  • 1 lata de ventrecha de atún
  • Sal
  • 1 cebola grande
  • 2-3 culleradas de azucre
  • 100 gr de queixo camembert

Acaramelar a cebola
Cortar a cebola en toros, pasala a lume baixo con aceite e sal. En canto comece a estar moi tenra engadir dúas culleradas de azucre branco e remover ata que se acaramele (non máis de 3 minutos).

Preparar as filloas
Quentar a tixola e pincelala con aceite ou manteiga. Encher un cullerón sopeiro de masa ata un pouco máis da metade (esa será a nosa medida) e cun movemento rápido cubrir o fondo da tixola. Deixar que calle. Separar os bordos e darlle a volta para dourar a outra cara. Reservar as filloas.

Recheo
Verter na tixola o aceite da ventrecha, quentar lixeiramente.
Incorporar a ventrecha e engadir a fariña mentres mantemos un lume baixo na cociña.

Sofrixir a fariña e acabar engadindo o leite pouco a pouco, mentres removemos. Salgar e deixar espesar sen deixar de remover durante uns 10-15 minutos para que a fariña se cociñe completamente. Incorporar o queixo tetiña.

Encher as filloas e utilizar unha pequena cantidade de cebola acaramelada para decorar.