Ingapan, Granja Campomayor e Pazo de Vilane, premiadas polo Clúster Alimentario de Galicia

Ingapan, Granja Campomayor e Pazo de Vilane, premiadas polo Clúster Alimentario de Galicia

02/06/2017 - 19:08

A industria alimentaria recoñece a estas empresas os esforzos pola innovación, a internacionalización e a achega ao desenvolvemento da contorna rural

As empresas Pazo de Vilane, Granja Campomayor, Ingapan, que contan co certificado de garantía de Galicia Calidade, foron recoñecidas polo Clúster Alimentario de Galicia na III edición do Foro e Premios Galicia Alimentación 2017 polos seus esforzos pola innovación, a internacionalización e a achega ao desenvolvemento da contorna rural

Nesta edición, os galardóns, que buscan contribuír á promoción dos produtos alimentarios e as bebidas galegas, así como proxectos, empresas e institucións, recaeron tamén en Casa Grande de Xanceda e Anfaco-Cecopesca

A organización destacou que Pazo de Vilane converteuse nun “proxecto pioneiro” na produción de ovo de galiñas en Galicia, “reactivando a economía rural e facendo énfase no papel e desenvolvemento da muller”. 

Sobre Granja Campomayor valorou  que puxese no mercado o primeiro ovo producido a escala industrial cunhas determinadas características. “O innovador é un proceso de elaboración por cocción do ovo, dentro da súa casca, que require un control exhaustivo dos diferentes parámetros, en particular da temperatura”, apunta. 

Respecto ao Grupo Ingapan, a industria agroalimentaria destacou que é unha organización que ten presenza en 19 países e é líder en España e Portugal no seu ámbito, a fabricación de masas conxeladas, especializada en empanadas galegas, pans de orixe, pratos de quinta gama e pastelería selecta.

Presenza en China

No acto de de entrega dos galardóns, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou que será un dos sectores de interese na viaxe institucional que realizará a China nos próximos días.  Segundo explicou, “China é o maior importador de produtos agroalimentarios a nivel mundial, cunhas importacións en 2015 que ascenderon a máis de 90.000 millóns de euros”, destacou

En concreto a industria alimentaria representa o 14% do produto interior bruto (PIB) de Galicia, integrado por 2.290 empresas e 26.817 traballadores, segundo os datos que achegou no acto o presidente do cluster alimentario de Galicia, Juan Vázquez Gancedo.