Información xeral
Servizos
Contorna
Rutas
Bido Restaurante é o novo local do chef Juan M. Crujeiras. Situado no centro da Coruña, a súa filosofía é a cociña "seria, próxima e baseada no produto e no sabor". O espazo é amplo, alto, luminoso e acolledor, con dúas grandes ventás que achegan luz natural, onde os materiais máis nobres xogan un papel fundamental, destaca a iluminación e o mobiliario de deseño, o coiro, a madeira, o mármore, os tons brancos dourados e negros, que transmiten orde e serenidade.
Neste novo proxecto, Juan M. Crujeiras aposta por un equipo humano que entende cal é a "filosofía" do novo proxecto. Deste xeito, presenta unha oferta gastronómica na que o cliente ten varias opcións. A cociña, de raíces galegas, presenta un formato distinto, onde os pratos son racións curtas, para que o comensal poida formar o seu pequeno menú ou degustar varios pratos sen perder nunca a identidade do lugar onde se cociña e os seus produtos.
Outro dos atractivos de Bido é a oportunidade de coñecer viños diferentes, que non adoitan atoparse no mercado, e poder probalos por copa, sen necesidade de ter que pedir unha botella. En conxunto, Bido ofrece un concepto case tan aberto como o espazo no que se sitúa: desde sentar na barra ou nunha mesa alta para tomar uns cócteles ata sentar a comer ou a cear nunha mesa e deixarse levar.
A oferta gastronómica conta cunha proporción significativa de pratos galegos con inclusións nos mesmos de materias de orixe galega certificada (DOPs e IXPs Galegas, Galicia Calidade, Pesca de Rías, ou outras certificacións equivalentes).
No centro da Coruña, o Restaurante Bido asómase ao mar que desde tempos in memoriais foi forxando o espírito da cidade da Coruña. Unha maridaxe que introduce a brisa dunha historia mariñeira en cada unha das súas mesas. Á fronte da tripulación atópase Juan Crujeiras, que propón apostas gastronómicas atrevidas xunto cos mellores produtos galegos de calidade e unha adega selecta na que se pode atopar o tipo de viño que precisa cada receita.