RESTAURANTE ESPAÑA

Información xeral
Servizos
Contorna
Os irmáns Héctor e Francisco López asumiron a substitución xeracional do Restaurante España, que lles legou o seu pai cunha acreditada cociña tradicional en Lugo, pero achegaron unha comedida renovación que combina a herdanza ortodoxa co aggiornamento da despensa rural da provincia. O cambio de estilo coincidiu coa renovación das instalacións que achegaron un aire de modernidade a un local que conta con máis de medio século. Ademais, a nova etapa conleva proxectos de aposta pola calidade, como a cría de bois, cuxa carne permite elaborar ata 10 pratos diferentes da súa carta. Desde o ano 2014 conta co selo Q de Calidade Turística,  ademais de figurar como restaurante recomendado pola Guía Michelín e un Sol da Guía Repsol. O chef Héctor López forma parte do colectivo Nove, que aglutina aos cociñeiros que promoven a modernización e renovación da cociña galega.
A oferta gastronómica conta cunha proporción significativa de pratos galegos con inclusións nos mesmos de materias de orixe galega certificada (DOPs e IXPs Galegas, Galicia Calidade, Pesca de Rías, ou outras certificacións equivalentes).
Á beira da Muralla romana, patrimonio da humanidade. Esta descrición tan breve como sinxela permite intuír con gran claridade o que ten aí mesmo como veciño circunstancial o cliente deste restaurante: historia, moita historia, que estivo a piques de perderse cando fai máis de cen anos algunhas forzas vivas locais pensaban que eses 2.266 metros de muro impedían o desenvolvemento da cidade. Hoxe igual que onte segue sendo un paseo moi grato penetrar nese casco histórico buscando un espazo aberto tan entrañable como a praza de España, con moitas probabilidades de atoparse con algún peregrino que segue o Camiño Primitivo a Santiago, o máis antigo de todos os existentes e que cruza Lugo de punta a punta.
Restaurante España