Información xeral
Servizos
Contorna
Rutas
O restaurante Yayo Daporta abriu as súas portas en 2005 nun edificio histórico da céntrica Rúa Hospital de Cambados e, desde entón, mantén a súa aposta pola cociña galega actualizada. O chef, Yayo Daporta, desenvolve os coñecementos e experiencias que adquiriu na Escola de Hostalería de Santiago ou en restaurantes como Casa Solla (Pontevedra), Alejandro (Almería) ou o Amparo (Madrid).
Na carta, pártese de sempre dos mellores produtos que están ao alcance encada momento, cunha especial atención aos mariscos e aos peixes de tempada, aos que se aplican as técnicas de cociña máis adecuadas,
Conta cunha ampla e coidada selección de viños das denominacións de orixe galegas e doutras rexións españolas e internacionais, dirixida pola catadora Esther Daporta.
Desde o ano 2008 conta cunha estrela outorgada pola Guía Michelín e desde o ano 2015 dispón de dous soles na Guía Repsol, ademais do certificado Q de Calidade Turística. O chef Yayo Daporta forma parte do colectivo Nove, que aglutina aos cociñeiros que promoven a modernización e renovación da cociña galega.
A oferta gastronómica conta cunha proporción significativa de pratos galegos con inclusións nos mesmos de materias de orixe galega certificada (DOPs e IXPs Galegas, Galicia Calidade, Pesca de Rías, ou outras certificacións equivalentes).
Cambados é, con xustiza, a capital do albariño. Unha uva esta que dá nome ao mellor viño branco do mundo. Por iso o cliente deste restaurante vai dispoñer de dúas posibilidades na contorna. Por unha banda, a propia vila, e por outra, os aredores. A vila, á súa vez, mostra dúas grandes zonas de interese: as rúas que se organizan en torno á maxestosa praza de Fefiñáns, co seu pazo marcando límites, e o barrio mariñeiro de Santo Tomé, coas súas casas típicas; a destacar os airosos restos da torre de San Sadurniño e os da igrexa gótica de Santa Mariña Dozo. E se o que se desexa é coñecer os arredores, cómpre estar preparados para ver aquí e alá, constantemente, sinais que invitan a desviarse a esta ou aquela adega por unha paisaxe chan na que manda o río Umia cercado por unhas montañas de escasa altura que agochan, entre outros monumentos, o mosteiro de Armenteira e a súa activa comunidade relixiosa feminina.