Nocturnas Galicia Calidade, unha fusión de música, moda e grastronomía no Gaiás

Nocturnas Galicia Calidade, unha fusión de música, moda e grastronomía no Gaiás

06/07/2016 - 08:00

As Nocturnas do Gaiás convidan a visitar a exposición Con-Fío en Galicia, con música e a degustación de produtos Galicia Calidade os mércores de xullo e agosto

Unha sesión plenamente Galicia Calidade inaugura hoxe as Nocturnas do Gaiás, unha actividade que permitirá coñecer dunha maneira máis intensa a exposición Con-Fío en Galicia, combinada con música picada polo DJ Nano Vinilo e a degustación de produtos de Lácteos Anzuxao, maridados con viño da Adega Nairoa da D.O. Ribeiro.

Esta proposta poderase gozar todos os mércores dos meses de xullo e agosto, nas que se xera un cóctel creativo mediante a combinación da historia da moda, a arte, a gastronomía e a música. Todo mesturado con criterios de calidade, pero non axitado.

Ademais dos produtos certificados por Galicia Calidade de Lácteos de Anzuxao, a degustación conta coa colaboración das adegas da D.O. Ribeiro Adega Nairoa (tamén co certificado de Galicia Calidade), Adega Reboreda, Viña da Cal e Pazo do Mar

O DJ Nano Vinilo amenizará a sesión musical, coa súa peculiar selección “ecléctica, bailonga e gamberra, como lle gusta autodefinirse a este artista do Grove, con máis de 20 anos de experiencia. Miguel Cajigal encargarase do percorrido pola mostra sobre o téxtil de Galicia.

As Nocturnas forman parte das actividades previstas pola Cidade da Cultura para o  verán 2016 no Gaiás, nas que se inclúen Atardecer no Gaiás, Visitas astronómicas, Cidade imaxinaria e Camiño ao Gaiás, aos que se suman os talleres creativos para nenos Deseños minúsculos, valores maiúsculos e a gran cita coas ideas innovadoras, TedxGalicia 2016.