O grupo LECER convoca un concurso de fotografía entre os clientes dos seus establecementos

O grupo LECER convoca un concurso de fotografía entre os clientes dos seus establecementos

01/08/2017 - 12:55

Os establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, convoca un concurso de fotografía nas redes sociais entre os clientes dos seus establecementos, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría. Para participar no concurso, que se desenvolverá na rede social Facebook entre o 27 de xullo e […]

Os establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, convoca un concurso de fotografía nas redes sociais entre os clientes dos seus establecementos, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría.

Para participar no concurso, que se desenvolverá na rede social Facebook entre o 27 de xullo e o 11 de agosto (ata as 23:00 h), os usuarios deben subir unha foto realizada en calquera dos establecementos Galicia Calidade ‘Lecer’ (indicando de que establecemento se trata) e compartila cos seus amigos para conseguir o maior número de votos posible.

Gañarán o concurso as catro persoas cuxas fotografías obteñan máis votos e, a maiores, os 100 primeiros participantes en subir a súa foto recibirán como premio unha camiseta de Galicia Calidade. O resultado final e a entrega de premios serán comunicados publicamente o día 12 de agosto a través da devandita rede social e persoalmente aos gañadores.

Os premios serán os seguintes:

  • 1º premio. Unha noite para dúas persoas nun establecemento Galicia Calidade Lecer, a escoller polo gañador/-ora.
  • 2º premio. Un menú para dúas persoas nun establecemento Galicia Calidade ‘Lecer’, a escoller polo gañador/-ora.
  • 3º premio. Un xamón coa certificación Galicia Calidade.
  • 4º premio. Un estoxo con viños  coa certificación Galicia Calidade.

Bases do concurso

Todas e todos os participantes deberán ser maiores de idade e seguidores da páxina de Facebook de Galicia Calidade.

Resultarán gañadoras as 4 fotos que consigan máis votos, as cales deberán estar tomadas en calquera dos establecementos Galicia Calidade ‘Lecer’ recollidos na páxina web http://www.galiciacalidadelecer.gal/

En caso de empate, realizarase un sorteo entre as fotografías máis votadas.

A maiores, as primeiras 100 fotos subidas á plataforma recibirán como agasallo unha camiseta de Galicia Calidade, que deberán recoller nas oficinas de Galicia Calidade S.A.U, situadas no Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, Edificio IGAPE, 3º andar, Santiago de Compostela. A data límite de recollida das camisetas será o 30 de setembro de 2017.

En cumprimento co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de datos de carácter persoal, Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, e demais normativa de desenvolvemento da mesma, informamos de que todos os datos persoais e información que faciliten os participantes será utilizada unicamente para o concurso obxecto das presentes bases.

A participación no concurso implica a aceptación destas bases.