Galicia Calidade patrocina o último partido da tempada do Rio Natura-Monbús Obradoiro, que permite celebrar a permanencia na liga Endesa
O Rio Natura-Monbus Obradoiro xogará este domingo o seu último encontro da tempada ante Unicaja (12.30 horas), que estará patrocinado polo selo Galicia Calidade, no que o equipo quere celebrar coa afección a permanencia na liga Endesa.
Así se expuxo hoxe nunha rolda de prensa celebrada nas instalacións do Hotel Pazo de Altamira, empresa que conta coa certificación de garantía do selo Galicia Calidade. Queco Arias, socio da Pazo de Altamira, transmitiu o parabén ao club por “seguir loitando un ano máis na maior liga europea, traballando desde a humildade e reinventándose cada ano”.
Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, lembrou que o selo, que engloba a máis de 300 produtos a través dunhas 80 empresas, “é un dos organismos patrocinadores do equipo. Cremos que o deporte e a cultura son elementos fundamentais para a promoción dunha terra, e nese sentido estamos moi orgullosos da nosa relación co club”.
Do mesmo xeito, animou a todas as empresas a apostar, como o fai Galicia Calidade, xa que “tanto deporte como cultura son elementos fundamentais na promoción de todos os demais valores”.
Óscar Rodríguez, conselleiro do club e xerente de Espiña&Delfín, engadiu que este domingo “contaremos cun xogo máis especial no que moitos afeccionados poderanse facer con camisetas”. Relativo á relación co selo Galicia Calidade, declarou que “esperamos seguir contando con eles moito tempo, o mesmo no que nós portaremos a identidade galega alá onde vaiamos”.
Boa proba da calidade galega, neste caso, gastronómica, será o fin de festa preparado para o domingo á conclusión do partido, cunha carpa na que se poderá tomar polbo á feira e churrasco.