O selo LECER leva a 14 restaurantes “Bosques e fogóns”

O selo LECER leva a 14 restaurantes “Bosques e fogóns”

02/11/2017 - 12:32

Un total de 14 establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, poñerán en marcha a partir do 4 de novembro e ata o 10 de decembro, “Bosques e fogóns”, unha xornada gastronómica que vai a poñer en valor a riqueza da cociña de outono galega. Os piares desta experiencia culinaria serán os produtos derivados […]

Un total de 14 establecementos da plataforma ‘Lecer’, dependente de Galicia Calidade, poñerán en marcha a partir do 4 de novembro e ata o 10 de decembro, “Bosques e fogóns”, unha xornada gastronómica que vai a poñer en valor a riqueza da cociña de outono galega.

Os piares desta experiencia culinaria serán os produtos derivados da caza e os froitos da estación, cogumelos e castañas. Os restauradores participantes que proveñen das catro provincias, poderán presentar distintas propostas, tapas, pratos ou menús completos.

Os establecementos participantes son: Bodeguilla de San Lázaro (Santiago), Bodeguilla de Santa Marta (Santiago), O Curro da Parra (Santiago); O Ricón da Baiuca (Muxía), Restaurante Bido (A Coruña), Restaurante A Carballeira (Ourense), Restaurante A Taberna (Ourense), Casa Rural Abadía das Eiras (O Rosal), Eirado da Leña (Pontevedra), Restaurante Yayo Daporta (Cambados), Restaurante Mar Divino Asador (Sanxenxo), Talaso Hotel Louxo La Toja (O Grove) Restaurante España (Lugo), Restaurante O Grelo (Monforte de Lemos).

Para dinamizar o coñecemento das propostas gastronómicas, desde Galicia Calidade convócase un concurso de fotografía nas redes sociais entre os clientes dos establecementos participantes en “Bosques e fogóns”, co obxectivo de impulsar e dar visibilidade á súa oferta de ocio, restauración e hostalaría.

Para participar no concurso, que se desenvolverá na rede social Facebook entre o 4 de novembro   e o 10 de decembro (ata as 23:00 h), os usuarios deben subir unha foto realizada en calquera dos establecementos Galicia Calidade ‘Lecer’ participantes en “Bosques e fogóns” (indicando de que establecemento se trata) e compartila cos seus amigos para conseguir o maior número de votos posible.

Gañarán o concurso as catro persoas que obteñan máis votos nas súas fotografías e, a maiores, os 50 primeiros participantes en subir a súa foto recibirán como premio unha camiseta de Galicia Calidade. O resultado final e a entrega de premios serán comunicados publicamente o día 14 de decembro a través da devandita rede social e persoalmente aos gañadores.

Os premios serán os seguintes:
•    1º premio. Unha noite para dúas persoas nun establecemento Galicia Calidade Lecer, a escoller polo gañador/-ora.
•    2º premio. Un menú para dúas persoas nun establecemento Galicia Calidade ‘Lecer’, a escoller polo gañador/-ora.
•    3º premio. Un xamón coa certificación Galicia Calidade.
•    4º premio. Un estoxo con viños  coa certificación Galicia Calidade.