PRESENTACIÓN
A nosa ruta comeza na rúa de Casas Reais, que recibe este nome por urbanizarse con vivendas que eran de propiedade real e estaban ocupadas polo gobernador, a Audiencia e outros órganos de control impostos polos Reis Católicos. Ao ir avanzando, pasaremos xunto ao Pazo de Fondevila, un palacio barroco de mediados do século XVII que conta cunha decoración centrada na esquina en ángulo do edificio, onde se pode apreciar, baixo un frontón circular, un ostentoso escudo. A continuación, a igrexa das Ánimas sae ao paso coa súa sinxeleza neoclásica, do século XVIII. Esta igrexa, foi construída grazas ás esmolas dos devotos das ánimas do purgatorio, que arden no lume eterno do baixorrelevo da portada. A uns 50 metros atópase a Praza de Cervantes, coñecida no século XII como o “Foro”, por ser punto de reunión popular e o lugar onde o pregoeiro lía os acordos municipais e as ordenanzas do arcebispo. Por esta vocación informativa, unha das súas rúas, de importante actividade comercial, denomínase “O Preguntoiro”. Fai esquina co edificio levantado en 1682 para o antigo Concello, que ocupou o soar durante 200 anos, desde 1583 ata o seu traslado, en 1787, ao Pazo de Raxoi.
Hoxe é o único edificio municipal barroco que se conserva intacto en Galicia. Unha restauración interior permitiu identificar as antigas escribanías, o oratorio, o arquivo e os calabozos: sábese que na praza chegaron a realizarse autos de fe en tempos da Inquisición e que nela estivo situado ata 1570 o rolo ou columna ao redor da cal se impartía xustiza e a cuxo pé se situaba o patíbulo. Posteriormente, ao especializarse na venda de alimentos e mercadorías, o espazo adquiriu o nome de “Praza do Campo” e categoría de mercado principal. Isto explica tamén o nome da igrexa de San Bieito do Campo, cuxas liñas neoclásicas actuais nos fan pensar que a fundación se remonta ao século X. Trasladado o mercado á Praza de Abastos a finais do século XIX, esta adquiriu o nome definitivo de Praza de Cervantes.
Fixamos o noso rumbo cara á Rúa de San Bieito, non sen antes fixarnos na igrexa que leva o seu nome, e que é de estilo Neoclásico (s. XVIII), a cal, a pesar da súa sobriedade e pureza de liñas, e dentro do seu pequeno tamaño, conserva un certo aspecto monumental, acentuado polo seu illamento na praza. Presenta unha única torre central e unha soa nave con capelas laterais. No seu interior destacan as fermosas tallas barrocas de San Antonio, San Xosé e San Xoán Bautista. Finalmente, dirixímonos pola Rúa de San Bieito e tomamos a segunda rúa á esquerda, chamada rúa do Curro da Parra, onde atoparemos o restaurante que leva o seu nome.