PRESENTACIÓN
Cambados é coñecida como a “Capital do Viño Albariño” polas adegas e a produción enolóxica saída das súas terras. O conxunto arquitectónico da Praza de Fefiñáns, constituído polo Pazo de Fefiñáns, o arco-ponte, a atalaia Torre da Homenaxe (s. XVI) e a igrexa de San Benito, é un dos máis fermosos de Galicia. Antigamente era coñecida como a Praza do Mercado. Cambados foi declarada Ben de Interese Cultural.
Saímos desde a estrada PO-550 (Avenida de Vilariño) e rodeamos o antigo Convento de San Francisco. O templo, de estilo gótico mariñeiro, que presenta algúns trazos renacentistas, substituíu a antiga igrexa parroquial de Santa Mariña. Viramos á esquerda cara ao Pazo de Ulloa, coñecido como “A Casa dos Pazos”, que sufriu varias reformas dos distintos propietarios, como a Casa de Alba ou o Marqués de Riestra. O seu escudo de armas atópase ladeado respecto da fachada. Damos a volta pola Avenida Pastora e, desde a Praza de Alfredo Brañas, torcemos á esquerda pola Rúa Nova, onde se atopa Casa Fariña, pertencente a un antigo procurador, co escudo de armas dos fundadores: os Figueroa, Valladares e Soutomaior.
Rodeamos a Capela do Hospital, pasamos diante do Mercado de Abastos na Avenida de Galicia, dobramos polas rúas Muelle, Curros e Caracol ata a Praza Ramón Cabanillas, coa estatua en bronce obra do escultor Francisco Leiro, dedicada a Baco. Continuamos polo Paseo da Calzada, do ano 1852. No seu inicio atópase o Concello e, inmortalizado, Ramón Cabanillas; ao final, a escultura en bronce do escultor Francisco Asorey e o Parador Nacional de Turismo do Albariño (antigo Pazo de Bazán). Desde a rúa Príncipe accedemos á Praza das Rodas, antigamente praza diaria, onde se podían adquirir diariamente produtos frescos, como peixe e verduras, agora lugar de tapas a base albariño e boas racións. E chegamos ao Pazo de Fefiñáns, que comezou a construírse no s. XVI por mandato de Juan Sarmiento y Valladares, señor de Fefiñáns (conselleiro de Felipe II) e transferido por vínculos matrimoniais aos condes de Figueroa. Influído pola arquitectura renacentista italiana, posúe unha gran torre con ameas e un arco-ponte de traza barroca, único que se conserva dos catro que antigamente existían na praza. En 1843, tómase a decisión de tirar eses arcos, porque se dicía que interrompían o paso do mercado semanal que alí se celebraba. Nos baixos do pazo sitúanse dúas adegas de viño albariño. Nun extremo da Praza de Fefiñáns vemos a Igrexa de San Benito, antigo templo románico remodelado a comezos do s. XV e reedificado no s. XVII, que ten dous campanarios barrocos, aínda que o seu interior sexa gótico. No interior, dous guerreiros con maza e escudo en granito, coñecidos como os Balboas, escoltan os enterramentos dos seus señores, e protexen simbolicamente a praza e a igrexa.