CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
45 minutos
DISTANCIA:
2,5 kms
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

En Lugo, a Muralla romana marca o ritmo e a idiosincrasia da cidade. Chegamos a ela seguindo as rúas Xeneral Tella e Viveiro, e accedemos á Porta de Santiago, que nos ofrece a posibilidade de subir á muralla por unhas escaleiras situadas fronte á fachada da catedral, que logo visitaremos. Fai falla percorrer todo o adarve, moi amplo e de boa base; un paseo de algo máis de dous quilómetros, que nos levará unha media hora pero se nos pasará nun amén, pois é realmente fermoso e evocador ir camiñando polo alto do monumento, observando a cidade desde unha atalaia excepcional. O percorrido farémolo en sentido inverso ao das agullas do reloxo.

Desde o alto da muralla é posible contemplar a paisaxe urbana actual da cidade, con edificios non moi altos no centro e varios espazos libres de certas dimensións no sector intramuros (prazas, xardíns, patios interiores e mesmo algunha pequena leira cultivada ata non hai moitos anos) que explican por que se conservou a muralla, pois non foi necesaria unha expansión fóra do seu contorno ata datas moi recentes. Tamén se pode gozar da única torre que se conserva en parte, a da Mosqueira. Aínda que desde arriba son difíciles de distinguir ben, a muralla conta con dez portas, a maioría das cales foron ampliadas ou abertas de novo a partir de 1830. Hai que destacar entre elas as de Miñá, Falsa e San Pedro, que se conservan desde a época romana con pequenas modificacións.

Unha vez completado o percorrido, baixaremos polo mesmo lugar polo que subimos e poderemos contemplar a catedral; achámonos ante a súa fachada neoclásica, realizada a finais do s. XVIII para substituír a orixinaria, de estilo románico. No seu interior, o máis destacado son as tres naves románico-góticas e o triforio; así como a capela e Imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, así chamada pola expresividade do seu rostro; o coro barroco de madeira e o deambulatorio gótico. Podemos saír pola porta norte, de fermosa factura románica, cun tímpano no que se ergue un Cristo en Maxestade do s. XIII.

RESTAURANTES