CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Media
DURACIÓN:
4 horas
DISTANCIA:
16 Km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

A ruta fai un percorrido circular pola costa de Oleiros, comezando no lugar de Mera, preto da lagoa do mesmo nome. Desde este punto chégase á Punta de Mera, onde se levantan uns interesantes faros. Ao mesmo tempo atópase nesta zona a antiga casa dos fareiros, transformada actualmente nun Centro de Recepción de Visitantes e na aula do Mar, que presenta os valores da Costa de Dexo-Serantes, catalogada como Monumento Natural. O camiño percorre parte deste espazo protexido destacando a forza e a beleza dos seus cantís. Nas inmediacións do Seixo Branco aparecen unha serie de furnas e bufadoiros (gretas) esculpidos polas augas do mar na roca. Desde a costa pódese observar unha serie de fermosos illotes, entre os que destaca o da Marola.

Desde O Seixo Branco accédese aos castros de Subiña, de Punta Roza e de Torrella, e a Santa María de Dexo, igrexa románica que data do século XII. Posteriormente chégase ao Porto de Lorbé, zona de produción acuícola onde non se deben deixar de degustar os típicos mexillóns.

E de Lorbé camiñamos ata Maianca, onde se poden vistar a igrexa prerrománica e os seus muíños. Tras esta parada chégase de novo a Mera, punto de partida e fin da ruta.

Os barcos de menor calado que se dirixen á Coruña collen a canle de Punta Herminia e enfilan ao porto ao aliñar visualmente as luces dos dous faros de Mera. Estas dúas torres de sinais marítimos cumpren este ano o seu centenario e seguen en funcionamento, guiando aos mariñeiros e evitándolles os perigos das rochas, agullas e bancos de area do fondo da ría. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou a pasada semana que entre os seus proxectos para este 2017 está a edición dun libro conmemorativo deste aniversario dos faros, e que encargará ao seu ex concelleiro de Urbanismo, Daniel Romeu, gran coñecedor das súas historia.

Os faros construíronse en 1917 aínda que as súas luces acendéronse por primeira vez un ano despois. Levantáronse ao mesmo tempo que o faro de Oza, todos dentro dun proxecto dirixido polo enxeñeiro Salvador López Miño co fin de facilitar a entrada ao porto coruñés e evitar os perigosos baixos do banco Xacentes.

Aínda que se lles chama faros, son dúas torres de enfilación que cumpren tamén a función de marcas de balizamento. Nos seus inicios funcionarios cunha lámpada de incandescencia para vapor de petróleo da empresa Julius Pintsch (Berlín), pero en 1932 xa se instalou un sistema eléctrico que emite luz visible ata oito millas.

O denominado faro pequeno, o que está ao bordo do cantil, mide once metros e emite luz branca e vermella. O que está situado máis terra dentro é o faro grande, de catorce metros e luz branca. O máis pequeno é o máis visitado polos seus impresionantes vistas de toda a baía coruñesa. Son de estrutura similar, octogonal e con terrazas na cuberta decoradas con balaustrada de celosía e lanternas poligonais.

Entre as dúas torres construíuse unha vivenda para o fareiro, de planta baixa e forma de letra T. Moitos dos seus fareiros aínda son lembrados hoxe en Oleiros porque tamén exercían de mestres (o que tiñan prohibido) e moitos veciños foron á súa escola, de ensino máis liberal que a da época. En 1999 o Concello asinou coa Autoridade Portuaria un convenio para que lle cedese gratis os faros e a casa do fareiro por cinco anos prorrogables anualmente e en 2002 o Executivo local ordenou rehabilitar a casa para centro de interpretación ambiental do Monumento Costa de Dexo-Serantes. Hoxe esta casa é centro de recepción de visitantes e Aula do Mar e o Ceida encárgase das visitas guiadas. Dentro pódense ver os antigos focos do faro e reproducións de bateas e dunha furna.