PRESENTACIÓN
Ourense ten para elixir entre oito zonas termais habilitadas. Dentro do centro histórico atopámonos coa estación termal das Burgas, unha piscina de 200 metros cadrados onde bañarse a 38 graos de temperatura, con hamacas e sauna. Nas proximidades podemos visitar a Burga de Abaixo, unha fonte termal de estilo neoclásico que é uns dos emblemas de Ourense.
O Centro de Interpretación das Burgas permite mergullarse un pouco máis na cultura balnearia de Galicia e os seus beneficios para a saúde. Desde As Burgas chegamos camiñando en só catro minutos á Praza Maior. Desde alí sae o Tren das Termas, L19, que nos leva ao paraíso termal ourensán, no río Miño no tramo entre a moderna Ponte do Milenio e a pasarela de Outariz. A zona máis tradicional e popular é A Chavasqueira, onde a auga alcanza unha temperatura de 67 graos, pero nos últimos anos foron acondicionadas tamén outras áreas de acceso libre: O Tinteiro (45 graos), Reza (32 graos), Muíño da Veiga (72 graos) e as de Outariz e Canedo (45 graos).
Ademais destas zonas abertas, hai dúas estacións termais pensadas para realizar circuítos contrastando diferentes temperaturas, e con posibilidade de realizar tratamentos. Tanto a estación termal da Chavasqueira como a de Outariz, máis moderna, son de estilo xaponés. Merece a pena pagar o económico prezo de entrada para gozar na Chavasqueira do circuíto termal xaponés seguindo a filosofía zen, relaxarse no rotemburo exterior de pedra e o ofuro no interior; pasar polo templarium, ou sudarium e darse sentir o choque térmico na piscina de auga fría do Tsumetai. Por último, nada mellor que unha masaxe en cadeira sueca ou padiola. Tamén ten bar e abre todos os días, mesmo pola noite, agás os luns. Os sábados e vésperas de festivos pódese gozar do circuíto termal mesmo ás tres da madrugada.
A estación termal de Outariz, de creación máis recente, tamén se inspira na cultura balnearia xaponesa en mestizaxe coa galega. Nas dúas horas de paz e tranquilidade ás que se ten acceso coa entrada pódese elixir entre o circuíto zen ou o celta. A pedra, as propiedades e temperaturas da auga, e as vistas ao río Miño e as súas frondosas lombas son infalibles para combater toda tensión muscular e mental. Hai un sushi bar para repoñer forzas e tamén ofrece tratamentos de relaxación e de beleza. Abre todos os días excepto os martes.