CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
3 horas
DISTANCIA:
8 Km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

O val do Rosal é unha zona rica en restos prehistóricos, principalmente de castros anteriores á época romana. Esta característica permite á casa rural Abadía das Eiras, situada na parroquia de San Bartolomé, no concello do Rosal, ofrecer aos seus clientes unha infinidade de rutas nas que o río Miño é o gran protagonista. Así, un dos enclaves máis coñecido é o conxunto etnográfico dos Muíños de Folón e Picón, nos lugares de Martín e Picón, da parroquia de Santa Mariña. Nesta zona, situada nas empinadas ladeiras do monte Campo do Couto, corre o río Cal, afluente do Tamuxe, que foi canalizado para aproveitar a súa enerxía formando os regatos de Folón e Picón.

Xa no veciño concello da Guarda atópase o gran xacemento arqueolóxico de Santa Trega, que ocupa unhas 20 ha de superficie, das cales só unha pequena parte está escavada. Ten as súas orixes documentadas no s. IV a.C., alcanzando o seu maior grao de desenvolvemento no cambio de era. Na península do Trega existía unha verdadeira cidade, de entre 3.000 e 5.000 habitantes, na que conflúen as culturas mediterráneas e atlánticas. O esteiro do Miño é o espazo natural máis interesante da Guarda. A desembocadura forma un estuario e está considerado como unha das zonas húmidas máis importantes da Península, coa confluencia de dous ecosistemas, o fluvial e o marítimo. A excursión debe continuar alén da Raia, na veciña vila portuguesa de Caminha, onde se pode apreciar todo o colorido das tendas lusas, as súas formidables murallas e o atractivo da súa gastronomía.