PRESENTACIÓN
A Ruta do Viño da Ribeira Sacra esténdese polo territorio da D.O. Ribeira Sacra, vinte concellos distribuídos entre o sur da provincia de Lugo e o nordés da provincia de Ourense. É un espazo de maxia e tradición, de verdes e amarelos, un espazo de pedra…; pedra nos muros dos socalcos, pedra nos mosteiros e igrexas, pedra nas pontes, torres e fortalezas. A ruta que propoñemos parte de Chantada pola estrada P-1811 en dirección ao encoro de Belesar. Antes de chegar á aldea de San Fiz, atopámonos co Pazo do Piñeiro (s. XVI), situado en Soilán-Pesqueiras, que paga a pena visitar como exemplo da arquitectura civil galega. Desde San Fiz, comezamos o descenso cara ao encoro de Belesar, cuxas ladeiras están poboadas de carballos, castiñeiros e vexetación autóctona, a través dos cales poderemos divisar a fermosa paisaxe da ribeira do Miño. Despois de pasear e gozar das vistas desde a presa de Belesar, descendemos en dirección á entrada do túnel da Central e continuamos por un carreiro que vai paralelo ao río e que cruza polas antigas canteiras, continúa á beira de viñedos e desemboca na estrada LU-617. Seguimos descendendo e cruzamos a ponte sobre o Miño, onde nos desviamos á dereita en dirección á aldea de Belesar. A partir dese momento, gozamos dun marco incomparable, co fermoso colorido dos viñedos que rodean as adegas, que supón un gozo para os sentidos. Chegaremos ata a aldea de Belesar e desde alí ascenderemos polos camiños que nos levan pola marxe dereita do río, nos que se atopan algunhas adegas, como Vía Romana e Mesós Adega do Veiga, cunha situación que convida a visitalas en primavera ou verán, para gozar das súas terrazas e vistas privilexiadas. Nos Queixeiros, desviámonos por un camiño ascendente á dereita ata a parroquia de San Pedro de Líncora e continuamos pola LU- P-1804 ata Chantada, a nosa fin de etapa.