PRESENTACIÓN
O concello de Silleda, situado practicamente no centro de Galicia, atesoura moitas posibilidades para o turismo na natureza e cultural. A Casa de Cacheiro atópase no medio da comarca do Deza, rodeada de ríos, mosteiros, torres, montañas, fervenzas naturais, praias fluviais, etc. Uno dos fitos fundamentais da ruta lévanos ao mosteiro de Carboeiro, que está localizado na parroquia de Santa María, nas marxes do río Deza.
É unha obra arquitectónica do Románico de transición a un Gótico tardío, constitúe un dos monumentos máis característicos da arte medieval galega, influenciado polas manifestacións artísticas compostelás, en concreto, polo estilo que o Mestre Mateo desenvolveu na catedral de Santiago. Desde o mosteiro ábrese unha ruta que enlaza cunha zona natural de especial beleza, a fervenza do río Toxa, que verte as súas augas desde unha altura de máis de 60 metros no medio dun bosque atlántico de gran valor pola variedade das especies botánicas que contén.
Desde Lamela, lugar no que se localiza Casa de Cacheiro e seguindo a N-525 en dirección Santiago de Compostela, podemos contemplar o río Ulla e as súas fermosas pesqueiras, construcións usadas para a pesca fluvial, en especial da lamprea. Finalmente, e a escasos 12 quilómetros, atoparemos o Pazo de Oca; unha construción señorial de estilo barroco, tamén coñecido como “O Generalife do norte” ou o “Versalles galego”, debido á beleza dos seus xardíns, que ocupan 8 hectáreas e que se poden visitar durante todo o ano. Desde alí partiremos cara a Boqueixón para subir ao Pico Sacro, lugar de profunda tradición e lendas sobre os albores do Camiño Xacobeo.