CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1,5 horas
DISTANCIA:
6,5 km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

No século XIX, os veciños do Grove descubriron as propiedades termais e medicinais das augas da illa, cuxa fama e propiedades levou á construción do balneario, un dos máis famosos e veteranos de España. Hoxe en día, a illa consta de todo tipo de instalacións de luxo, como un magnífico campo de golf onda o mar, o propio balneario, hoteis de luxo, un porto deportivo, un casino, pistas de tenis, unha piscina de dimensións olímpicas, pistas de paddel, un centro de congresos, un lugar habilitado para tiro ao pichón e tiro ao arco, e a chamada ‘Aldea Comercial’, que alberga todo tipo de tendas con produtos de marca.

A Toxa permite pasear ou facer deporte, ten varios piñeirais con árbores centenarias e, ademais, pódense dar paseos á beira do mar. A ermida da illa é un dos sitios con maior afluencia de turistas. Atópase fronte a un parque, onde se sitúan postos ambulantes nos que se venden abelorios e obxectos de bixutería realizados con pequenas cunchas recollidas da area da praia. A igrexa ten a particularidade de que toda a súa fachada está chea de cunchas, nas cales é moi típico que a xente estampe a súa sinatura. O interior da capela é moi agradable. No altar atópase a imaxe da Virxe do Carme, dentro dunha gran cuncha. Camiñar polo paseo marítimo da Toxa, que rodea a illa, é gozar dun magnífico panorama para os nosos ollos. O verde dos xardíns e o branco dos farois que rodean a illa, así como a fermosa ponte, forman parte dun conxunto que convida ao relax e ao pracer dos sentidos.

Na illa da Toxa fabrícase desde hai moitos anos un dos xabóns con máis tradición de España, do mesmo nome. Trátase dun xabón elaborado con auga do manancial da illa, rica en sodio, calcio, magnesio e outros minerais. Na actualidade, existe un museo no edificio restaurado da antiga fábrica de cosméticos. A visita resulta interesante polas pezas museísticas que alberga e, ademais, é unha tenda á que se lle engadiron varios paneis explicativos sobre a historia e proceso de elaboración do xabón da marca.