CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1,25 horas
DISTANCIA:
3 km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

Esta ruta transcorre na súa totalidade pola Illa de Monteagudo, por unha superficie arborada que permite realizar pola sombra a maior parte do camiño. Cunha lonxitude de tan só 3,5 quilómetros, trátase da ruta máis curta e permite gozar das marabillosas vistas e do contraste das dúas vertentes da illa desde o Alto do Príncipe. Ademais, durante o seu percorrido pódense atopar outros puntos de grande interese, como o complexo de dunas Figueira Muxieiro, os restos do Antigo Cuncheiro ou a singular formación rochosa da Cadeira da Raíña.

Nos seus primeiros metros, a Ruta do Alto do Príncipe permite gozar dunha fantástica vista da praia de Rodas e rodea o complexo de dunas de Figueiras-Muxieiro, onde se localiza unha representación das especies propias destes ecosistemas tan fráxiles. A senda segue ascendendo polas proximidades da praia de Figueiras, e serpeando o camiño continúa ata que, despois dunha pequena baixada, se abre para descubrir parte da espectacular paisaxe de cantís e praias que se poderán divisar no seu máximo esplendor uns metros máis adiante, desde o Alto do Príncipe. As espectaculares panorámicas desde este punto permiten apreciar o contraste entre as dúas vertentes da illa, a cara leste, máis suave, e o cara oeste, moito máis abrupta. O tramo final da ruta transcorre por unha senda entre rochas modeladas polo vento e a auga ata chegar á Cadeira da Raíña, caprichosa formación rochosa resultado da acción erosiva, que constitúe un dos máis fermosos miradoiros das illas.