CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
3 horas
DISTANCIA:
12 Km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

No concello de Ames, a Ruta da Auga caracterízase sobre todo polos 13 muíños que se poden ver. As vistas desde San Marcos tamén pagan a pena, porque se pode contemplar o Val da Maía ata Padrón. A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nos pequenos bosques do arroio de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso, onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con gotas de auga cristalina.

A ruta é circular, comeza e finaliza na aldea de Vilar, na parroquia de Ames. Neste espazo están instalados diversos paneis interpretativos que axudarán ao camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se esconden neste lugar. O primeiro tramo do percorrido transcorre por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras, no que se pode contemplar unha paisaxe tipicamente rural. Posteriormente, os camiñantes entran nun fermoso tramo que discorre paralelo ao arroio de Riamontes. Os muíños de Riamontes, en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, pasarase polo pozo onde se embalsaba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe, neste pozo pódese observar unha gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan para beber.