CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1,75 horas
DISTANCIA:
5,2 km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

Esta ruta bordea a costa sur da Illa do Faro e permite gozar dunhas inmellorables vistas da Illa Sur. Trátase dun percorrido de 5,2 quilómetros, de baixa dificultade, a cuxo paso o viaxeiro pode coñecer, entre outros, o Castro das Hortas.

A ruta comeza ofrecendo ao camiñante unha fantástica vista da praia de Rodas e do sistema de dunas de Muxieiro, de grande importancia tanto pola súa extensión coma polo seu estado de conservación. O percorrido continúa cruzando o dique sobre o Lago dos Nenos que une ambas as illas. Unha vez na Illa do Faro, a poucos metros, atópase o Centro de Interpretación da Natureza (antigo mosteiro de Santo Estevo), desde o cal se observa unha bonita panorámica da praia de Rodas e da Illa de Monteagudo, situada máis ao norte. Desde aquí, o carreiro conduciranos ata o Embarcadoiro de Carracido, desde onde o camiño comeza a ascender lixeiramente bordeando a costa sur da illa ata chegar ao Faro da Porta, onde se poderá gozar dunhas impresionantes vistas da illa de San Martiño, a máis meridional das tres. Desde o Faro da Porta, mirando cara á ladeira de Monte Faro, pódense observar os restos dun antigo poboado castrexo, o Castro das Hortas, que constitúe o xacemento arqueolóxico máis importante atopado no arquipélago.