CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1,75 horas
DISTANCIA:
5,6 km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

A Ruta do Monteagudo destaca por ofrecer unhas espectaculares vistas da ría desde o Faro do Peito. Desde este punto, pódense avistar o arquipélago de Ons, Cabo Home, o Monte Facho e a Costa da Vela. Ao longo dos seus 5,6 quilómetros, pódense contemplar tamén os restos do Antigo Cuncheiro, a Praia de Figueiras, o Observatorio de Aves, o Faro do Peito ou a Furna de Monteagudo.

Tras a súa partida desde o peirao, o primeiro punto de interese desta ruta é o Complexo de dunas de Figueiras-Muxieiro, onde se pode observar toda a súa estrutura, desde as dunas móbiles ata as dunas máis estabilizadas. Neste primeiro tramo, o carreiro conduce ata o camiño de acceso á praia de Figueiras e continúa ata chegar á zona da Valgada, que ofrece panorámicas dos cantís da cara oeste.

A continuación, vaise aproximando ao pé do Alto de Monteagudo, cuxa característica forma lle dá nome a esta illa. Neste punto, o camiño leva, a través dunha pequena zona arborada onde se atopan as ruínas dun antigo asentamento insular, ata o Observatorio de Aves. Desde aquí xa se pode ver o Faro do Peito. Para chegar ata este punto haberá que descender un pouco pola senda. Este espazo das Illas Cíes é o máis próximo ao continente e desde el pódense divisar, ao norte, o arquipélago de Ons, na entrada da ría de Pontevedra, Cabo Home, o Monte Facho de Donón e a Costa da Vela.

Baixando por unha pequena pista de cemento, atópase a Furna de Monteagudo, unha cova mariña producida polos embates das ondas e a particular estrutura da roca granítica, que fai que se fracture de forma vertical. O regreso ata a bifurcación situada ao pé de Monteagudo realízase polo carreiro que bordea o litoral e que en varios puntos permite gozar da vista, cara ao sur, da Costa de Cantareira, Punta Muxieiro e mesmo da silueta da costa de Baiona.