PRESENTACIÓN
Esta senda recrea a viaxe que realizou Frei Martín Sarmiento en 1745 desde Pontevedra cara a Santiago de Compostela con motivo do Ano Santo. Un grande amante da botánica e defensor de Galicia que decidiu facer o seu camiño gozando da tranquilidade da costa e das excelentes vistas ao mar. A ruta comeza en Pontevedra e pasa polos concellos de Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Catoira, Valga e Pontecesures, onde enlazará co Camiño Portugués para chegar a Compostela. Ao longo do percorrido preséntanse exemplos da arquitectura civil, como os pazos de Cambados, Rubiáns, Ulloa, Torrado e Vista Real ou os barrios mariñeiros de Santo Tomei en Cambados e Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa. Vestixios históricos, como os xacementos arqueolóxicos da Lanzada, e arquitectura relixiosa como a capela da Lanzada, ruínas da igrexa de Santa María de Cambados e a praza de Fefiñáns, formada polo pazo, o arco-ponte, a atalaia Torre da Homenaxe, e pola igrexa de San Benito, sendo un dous conxuntos arquitectónicos máis fermosos e admirados de Galicia. Antigamente era coñecida como a praza do mercado, pois alí era onde se celebraba semanalmente.