CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Media
DURACIÓN:
3,5 horas
DISTANCIA:
14 kms
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

Abondan no Concello de Lalín as pegadas que foi deixando a historia. Unha boa mostra pódese contemplar neste roteiro que pasa polos pazos de Bergazos, Bendoiro, Eirixe e Liñares. Ademais deste patrimonio monumental correspondente a cultura pacega, o roteiro permite visitar tamén o Castro e Castriño de Bendoiro e finaliza na milenaria Ponte Taboada.

Neste roteiro, partimos do mesmo centro de Lalín, comezando dende a placa que sinala simbolicamente o quilómetro 0 de Galicia. Veremos varios pazos, o Castro e o Castriño de Bendoiro e finalizaremos na milenaria Ponte Taboada.

Baixamos cara o paseo Pontiñas. Podemos ir pola senda botánica e logo polo paseo peonil. Imos a carón do río Pontiñas gozando da súa vexetación de ribeira e pasamos ao pé da carballeira da Crespa. Chegamos ao lago.

Subimos cara a o Espiño. Imos por un tramo da estrada vella preto do Hostal Camiño de Santiago. Collemos unha pista e chegamos ao Pazo de Bergazos. Deste pazo pouco queda xa, pero aínda poderemos ver algún dos seus elementos arquitectónicos que seguen en pé esperando por unha pronta restauración. Neste pazo hai unha inscrición na que se lee ano 1672, e foi a casa de Gómez Gil Taboada e Beatriz Fernández de Gundín. Despois de ver o Pazo de Bergazos, a ruta continúa preto do polígono Lalín 2000. Seguidamente pasamos por debaixo da autoestrada. Antes do lugar de Laxe desviámonos e pasamos por un fermoso muíño. Continúase e polo castro e o Castriño de Bendoiro. Este xacemento arqueolóxico é un dos moitos asentamentos poboacionais da época castrexa dos que se conservan vestixios no Concello de Lalín.

A ruta continúa entre castiñeiros e logo vai en lixeiro descenso ata chegar ao pazo de Bendoiro que foi recuperado e actualmente é un establecemento de hostalaría. Xunto a el está a casa da Calzada.

Continuamos a andaina enlazando un pouco co camiño de Santiago ata Prado. Imos preto do centro escolar por unha congostra que baixa. A ruta pasa pola igrexa de prado e o Pazo de Eirixe, esceario da guerra carlista.

A seguinte parada será o Pazo de Liñares. Continuaremos despois o roteiro en dirección a Ponte Taboada. Os camiños van entre carballeiras. Finalmente descendemos por un camiño empedrado que moi ben pode ser resto da calzada que daba acceso a ponte. Remataremos a ruta xunto da vella estación do tren completando unha distancia de 14 quilómetros.

Nota: sobre esta ruta fíxose a ruta PR-G 234 que pasa pola igrexa barroca Santa Vaia de Donsión, e que pode consultarse aquí.
Información e fotos da ruta: Roteiros de Lalín