Ruta entre carballos, historia e facultades
CARACTERÍSTICAS DA RUTA




PRESENTACIÓN
Partimos do parque da Alameda, punto de referencia dos paseos e das festas dos santiagueses. A súa localización privilexiada, bordeando unha parte da cidade histórica, e cunha magnífica perspectiva sobre a súa fachada oeste –a máis monumental–, converteuno no principal xardín urbano compostelán; importante ademais pola variedade e porte das súas especies arbóreas e ornamentais: como o conxunto de carballos, os espléndidos eucaliptos ou a pérgola con vistas que compoñen os castiñeiros de Indias no paseo da Ferradura. O paso do tempo foi deixando pegadas na súa ordenación espacial, como se pode apreciar no paseo central, con corredores para as distintas clases sociais do XIX; no case arco triunfal que dá acceso ao Paseo dos Leóns, ou na disposición de parterres, fontes e estanques. E tamén nas súas edificacións decimonónicas, modernistas e actuais, na abundancia e formas das súas estatuas e esculturas, e no seu mobiliario, especialmente os bancos graníticos, con artístico respaldo de fundición da coñecida fábrica galega de Sargadelos.
Xusto na entrada recíbenos a escultura das “Dúas Marías” e o Colexio de San Clemente de Pasantes. Outro dos puntos de interese, entre os moitos que ten este parque, é o miradoiro do Paseo da Ferradura. A Alameda ten dous santuarios: a igrexa do Pilar, á beira do paseo central do parque, que é barroca (s. XVIII), e a capela de Santa Susana, situada no punto máis alto do parque. Esta é especialmente importante pola súa vinculación coa historia da cidade, xa que foi consagrada no século XII polo arcebispo Xelmírez, figura fundamental na Historia de Santiago, para acoller as reliquias de Santa Susana, traídas de Portugal. O templo actual é unha reconstrución dos séculos XVII e XVIII, que conservou como únicas mostras da primitiva obra románica, a porta principal, algúns modillóns e a xanela coa súa bufarda. Tamén se conserva a cruz gótica sobre o ápice da nave.
Continuaremos a nosa ruta pola rúa do Pombal, ata chegar ao cruzamento que nos permitirá virar á esquerda na Rúa da Poza de Bar. Seguiremos andando por esa rúa en dirección á de San Lourenzo, onde nos recibirá a carballeira á beira do río Sarela que rodea o convento de San Lourenzo de Trasouto. Ocupado inicialmente por franciscanos, a partir do século XV pasou a ser residencia dos condes de Altamira. A pesar das numerosas reformas, a igrexa conserva as naves románicas do primeiro edificio. No exterior desta edificación, cuxos muros esconden un importante xardín histórico, segue existindo aínda un frondoso bosque de carballos centenarios. Escondidos entre as árbores, hai unha fonte e dous ‘cruceiros’: cruces de pedra de gran tamaño que marcaban os camiños e que son sinal de identidade de Galicia.
Desde aquí, dirixirémonos pola rúa de Xoaquín Díaz de Rábago, internándonos no Campus Sur da Universidade de Santiago. Tomaremos a rúa da esquerda, chamada de Xosé María Suárez Núñez, despois a Rúa de Constantino Candeira, para torcer á esquerda na Rúa de Lope Gómez de Marzoa, ata chegar ao final da Rúa Jenaro de la Fuente, e na rotonda continuamos de fronte en dirección á Avenida de Barcelona, onde atoparemos o CIMUS, Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas. Ao final da avenida, atópase o CHUS, Hospital Clínico Universitario da cidade. Desde aí seguiremos pola rúa Sempre en Galiza, ata chegar a un cruzamento onde tomaremos unha semiglorieta en dirección á Avenida Liberdade, onde encontraremos a Bodeguilla de Santa Marta, establecemento pertencente a Galicia Calidade e lugar onde repoñer forzas e gozar das súas exquisitas propostas cun toque moderno.