CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1 hora
DISTANCIA:
2,5 km
CATEGORÍA:
A pé

PRESENTACIÓN

A nosa ruta comeza nos Xardíns de Méndez Núñez, que datan de mediados do século XIX, alí poderemos atopar monumentos a Emilia Pardo Bazán, Alfonso Molina, Curros Enríquez e John Lennon, e nel atópanse emblemáticos edificios modernistas, como A Terraza ou o Quiosco Alfonso. Continuaremos o noso paseo pola Mariña, onde podemos ver o modelo de soportal e o elemento máis destacable deste paseo: as galerías; algunhas delas con máis de 25 metros, outras están ornamentadas con vidros polícromos. Esta escenografía de cristal das galerías proporciona ao visitante un espello que recolle os reflexos da luz do día desde o amencer ata a caída da tarde, o que lle outorgou á Coruña o nome de Cidade de Cristal.

Chegaremos ata a altura do Teatro Rosalía de Castro, un edificio do século XIX, de estilo ecléctico, situado en pleno centro da cidade e moi próximo á Praza de María Pita. Aí tomaremos a calella de Agar, para pasar á rúa Rego de Auga. Trátase dun dos lugares con máis historia e sabor da cidade. Tanto veciños coma turistas e visitantes poderán gozar dun paseo agradable por esta rúa peonil, e gozar do seu ambiente e das súas tendas.

Ao final da rúa, atoparemos a Praza de María Pita e o Pazo Municipal, vixiados pola chama eterna e a heroína María Pita, visita obrigada para todo visitante. Nesta praza de máis de 10.000 metros cadrados podemos atopar, nunha das súas frontes, o Pazo Municipal, un edificio modernista, que foi inaugurado polo Rey Alfonso XIII no ano 1927. O proxecto inicial deste edificio de cantería galega foi iniciado por Pedro Mariño, cunha superficie en planta de 2.300 m². No seu primeiro andar, atópase a zona nobre, que conta con varios salóns, o Vermello, o Azul e o Dourado,; este último, con relevos na fronte dos asentos, que relatan os feitos históricos máis importantes da cidade. Volveremos sobre os nosos pasos pola Rúa Rego de Auga ata chegar á Rúa Real, unha das máis antigas da cidade, que permitía o acceso á parte vella.

Esta céntrica rúa é unha das máis concorridas da cidade e unha das máis antigas e principais a nivel comercial: tanto tendas como cafeterías se sitúan ao longo de toda a rúa e entre ela e a Rúa San Andrés, unha das zonas de tapas e de viños máis frecuentadas. Peonil e chea de vida, moitas das súas casas están adornadas coas típicas galerías brancas de cristal. Ademais de ser unha das principais zonas de compras da Coruña, conta tamén cunha importante historia, por ser unha vía de creación romana, tal e como o testemuñan os achados de diversas necrópoles romanas.

Ao final da Rúa Real chegaremos ao Obelisco, columna conmemorativa construída en 1895 en memoria de Aureliano Linares Rivas, deputado, senador e ministro compostelán. Ademais de constituír unha homenaxe, construíuse para que tivese utilidade pública, co seu reloxo e instrumentos meteorolóxicos.