CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
1,5 horas
DISTANCIA:
7 km
CATEGORÍA:

PRESENTACIÓN

A nosa ruta comeza na Praza da Porta do Camiño. Era a porta principal pola que entraban en Santiago de Compostela os peregrinos que accedían polo Camiño Francés. O lugar onde se localizaba esta entrada sitúase na intersección da rúa de San Pedro coa das Rodas e da Ensinanza, vías que forman un eixo ao redor da antiga muralla da cidade. Desde aquí pódese contemplar o convento de San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego desde 1963.

Se seguimos en dirección á igrexa e ao convento de San Domingos de Bonaval, poderemos observar que a igrexa consta de tres naves separadas por arcos de medio punto e unha estilizada capela maior que conta con xanelas altas e bóveda de crucería, do s. XIV, cun estilo Gótico con reminiscencias románicas. Accédese a ela a través do convento, e no seu interior atoparemos os catro sepulcros góticos situados a ambos os dous lados do altar. É de grande interese o Panteón de Galegos Ilustres, situado nunha capela lateral da igrexa, onde repousan, entre outros, Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas e Francisco Asorey. O claustro alberga un interesante cruceiro gótico. Na actualidade utilízase como lugar de exposicións e concertos. Pola súa banda, o convento foi fundado, segundo a tradición, en 1220. O edificio actual data do século XIV nas súas partes máis antigas, con reformas e ampliacións realizadas no século XVII por Domingo de Andrade, que deixa a súa pegada barroca no convento. En 1912 foi declarado Monumento Nacional. As súas dependencias albergan o Museo do Pobo Galego, que conserva a memoria etnográfica de Galicia. Ás distintas salas –dedicadas ao mar, á agricultura, aos oficios artesanais ou ao traxe galego– accédese a través da sorprendente tripla escaleira de caracol de Domingo de Andrade, obra emblemática do barroco compostelán. Cada unha das súas tres ramplas, independentes unas doutras, conducen a cada un dos andares do convento.

Collendo a rúa Ramón del Valle-Inclán, atoparémonos co edificio que acolle o Centro Galego de Arte Contemporánea, proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza, e merecedor do Premio de Arquitectura Mies Van de Rohe no ano 1988 e do Pritzker en 1992. Ao final desta rúa, chegaremos á Praza de San Xoán Bautista da Salle, xusto en fronte da Bodeguilla de San Roque, restaurante onde repoñer forzas e degustar produtos e receitas típicas da nosa terra.

Se continuamos pola rúa do Hospitaliño, chegaremos ao Miradoiro Costa Vella, desde onde poderemos ver a escalinata da empinada rúa, no medio dunha paisaxe verde, co Convento de San Francisco ao fondo. Seguiremos o noso camiño cara á rúa Porta da Pena, xusto por onde a auga entraba na cidade ata chegar á Praza de San Martiño. Alí sitúase a igrexa de San Martiño Pinario, na que traballaron varios arquitectos. Sobre a porta desprégase unha vistosa fachada plateresca. Presiden, na parte central, entre a porta e o óculo, a Virxe, san Bieito e san Bernardo, mentres que no frontón que coroa a portada está san Martiño repartindo a súa capa cun pobre. As torres levántanse só ata a altura da fachada, debido á oposición do cabido catedralicio, medorento de que a basílica perdese visibilidade. Para vencer o desnivel do terreo, o beneditino Plácido Camiña construíu a fermosa escaleira de acceso á porta, sen dúbida inspirada na que accede á Catedral pola fachada do Obradoiro. O templo posúe planta de cruz latina, con tres naves no brazo principal e unha no transversal, percorridas por unha tribuna. Emprégase a bóveda de canón, na que se enmascaran os nervios a modo de falsos casetóns.

Rúa arriba, alcanzaremos os edificios administrativos da Xunta de Galicia, antigo colexio, agora reformado e ampliado para acoller o Goberno galego. Pola rúa de San Lázaro, deixaremos á man esquerda o centro comercial As Cancelas, cunha grande oferta de tendas e lecer, para chegar á Bodeguilla de San Lázaro, situada na entrada á cidade polo Camiño Francés.