CARACTERÍSTICAS DA RUTA

DIFICULTADE:
Sinxela
DURACIÓN:
2 horas
DISTANCIA:
30 Km
CATEGORÍA:
En coche
CASAS RURAIS

PRESENTACIÓN

Para os amantes da Historia, a casa rural A Parada das Bestas ofrece a posibilidade de percorrer un dos escenarios con máis transcendencia na conformación territorial e política da Galicia actual pola calidade e boa conservación que presentan os elementos do patrimonio arquitectónico que atesoura. Así, nun raio de 30 quilómetros atoparemos restos prehistóricos, como mámoas, dolmens e castros. Tamén da época da romanización, atopámonos cunha vía romana que cruza cara á capital do Imperio na Gallaecia, Lugo. Pero é a Idade Media a que deixou os mellores e máis valiosos expoñentes monumentais grazas á influencia do Camiño de Santiago. Tal como se cita no Códice Calixtino, a igrexa de Vilar de Donas, do século XII, é un dos máis valiosos expoñentes do Románico. A súa fundación como mosteiro é atribuída pola tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior). Ten planta de cruz latina, con nave principal cuberta con armadura de madeira e cruceiro rectangular con bóveda de crucería, conta con tres ábsidas abovedadas.

Outros expoñentes arquitectónicos destacados son os restos de fortalezas, torres, castelos, pazos e casas brasonadas, como a casa-torre de Filgueira, a casa-torre de Fontecuberta; o pazo de Laia, a casa de Ulloa, o pazo Mariñao, a fortaleza do Castro de Seixas, o pazo de Pacheco e, sobre todo, o castelo de Pambre, erixido por Gonzalo Ozores de Ulloa en 1375, como unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia, que resistiu as ‘guerras irmandiñas’ en 1467. É o mellor exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia. Construído sobre un escarpado rochedo, á beira do río Pambre, que exerce de defensa natural. É de planta cadrada, cercado por unha muralla de planta irregular que se adapta ao terreo. A ruta ofrece tamén a oportunidade de visitar en Chorexe un antigo balneario cuxas augas sulfurosas teñen un recoñecido prestixio. Seguindo as ribeiras do río Ulla, atravesando prados e bosques, atoparemos os torrentes de Mácara, rápidos de gran beleza.