Xoel López e A Estación presentan en Madrid Lecer, unha proposta musical-gastronómica que exalta os produtos Galicia Calidade

Xoel López e A Estación presentan en Madrid Lecer, unha proposta musical-gastronómica que exalta os produtos Galicia Calidade

01/06/2016 - 10:10

Xoel López e os chefs Beatriz Sotelo e Xoan Crujeiras presentan en Madrid Lecer, un evento que marida música con sabores Galicia Calidade

O músico Xoel López e os chefs da Estación de Cambre, Beatriz Sotelo e Xoan Crujeiras, presentan en Madrid Lecer, un evento musical-gastronómico que marida os produtos certificados por Galicia Calidade e que propón aos asistentes compartir cos amigos o tempo de lecer, cunha  boa mesa de testemuña.

Os chefs Beatriz Sotelo e Xoan Crujeiras, que contan co certificado de Galicia Calidade e unha estrela Michelín no restaurante A Estación, elaborarán a degustación de creacións culinarias, que se poden saborear ao ritmo das cancións de Xoel López.

Deste xeito, os chefs utilizarán produtos certificados por Galicia Calidade de empresas como Coren, Avícola Tratante, Feiraco, Torre de Núñez, A Rosaleira, Gallego Pereira, Luis Escurís Batalla,  Pazo de Vilane, Puerto de Celeiro, Patatas Conde, Mariscos Linamar, Queixería Casleiras y Quesos Feijoo. ara regar os manxares, os asistentes contarán con cervexa Estrella Galicia ou licores e augardentes de Nor-Ibérica.

A iniciativa Lecer pretende presentar na noite madrileña a cultura do lecer, que significa unha forma de entender o tempo libre, no que propón compartir o tempo cos amigos, cunha boa mesa de testemuña, onde a calidade non está rifada co carácter informal do encontro. O evento celébrase na Sala Sol, de Madrid, ás 21.00 horas, cunha entrada de 20 euros para o cocktail e o concerto.

Música e gastronomía creativas

Xoel López (A Coruña,1977) é un dos artistas máis representativos e influentes da nova canción española. Aínda que sempre se moveu entre os sons do pop-rock alternativo e o folk clásico, el defínese como un artista libre. Mellor músico independente de 2013,o ano 2015 deparoulle un recoñecemento especial grazas ao seu último traballo Paramales, co que conseguiu o favor de público e crítica.

A Estación de Cambre, liderado por Beatriz Sotelo e Xoan Crujeiras, ofrece unha cociña seria, actual e independente, onde se expiden suculentas elaboracións de mar e de cabana autóctona, o que lle permitiu obter unha Estrela Michelín (desde 2009) e recentemente, a certificación de Galicia Calidade.